Thursday 02 de May de 2024

Aprobada a proposición socialista para declarar Santiago como zona de mercado residencial tensionado


Mercedes Rosón defendeu que con este instrumento poderase por tope ao prezo do alugueiro en Santiago e denunciou o “nulo interese” en política de vivenda do Partido Popular na Xunta

O Grupo Socialista respalda a moción de apoio á manifestación convocada por SOS Sanidade Pública en defensa de medidas urxentes para salvar a sanidade

Sindo Guinarte sobre a moción en contra da xestión da marea plástica de pellets: “a Xunta non exerceu en tempo e forma as súas competencias nin foi transparente”

 

O pleno da corporación aprobou, aínda que cos votos en contra do Partido Popular, a proposta socialista para declarar Santiago como zona de mercado residencial tensionado. Unha proposta que, defendeu Mercedes Rosón, permitirá regular os prezos do alugueiro en Santiago e “garantir o acceso a unha vivenda digna en condicións asumibles”.

“Os datos son claros e non admiten réplica” defendeu a edil socialista, destacando que o alugueiro creceu, nos últimos cinco anos, un 76% na zona vella, un 62% no Castiñeiriño, un 61% de Santa Marta e un 39% no Ensanche: “a situación do mercado de vivenda en Santiago é preocupante e faise imprescindible tomar a iniciativa para corrixir esta deriva ante o desleixo do Partido Popular desde a Xunta”.

Rosón denunciou o “nulo interese” en política de vivenda do Partido Popular que, desde a Xunta deixou preto de 470 millóns de euros sen gastar do orzado nesta materia na última década. Critica que tampouco se defina por lei que é vivenda baleira “como fixeron noutras comunidades e que permitiría intervir nun parque que en Santiago supón preto de 6.000 vivendas” e denuncia que en Santiago, no último lustro, tan só se promoveu a construción de 24 vivendas que, ademais, “xa levan en execución 3 anos”.

“Medo é o que ten un mozo ou moza que non pode chegar a final de mes porque ten que gastar 600 euros para ter un teito baixo o que durmir”

Ante as declaracións do portavoz dos conservadores, que apelaba a un “medo dos propietarios” alugar, a edil socialista defendeu que “medo é o que ten un mozo ou moza que ten que destinar ao alugueiro practicamente o seu salario ou non poder chegar a final de mes porque ten que gastar preto de 600 euros para ter un teito baixo o que durmir”. Rosón recalcou que “iso é medo, e non o alarmismo no que vostedes se escudan para seguir de brazos cruzados sen facer política de vivenda”.

Tamén fronte as declaracións do BNG, a que fora responsable de Urbanismo afeoulles a súa indefinición en materia de vivendas de uso turístico: “lección sobre compromiso en materia de vivenda, do BNG, ningunha”. Mercedes Rosón lembrou que a alcaldesa se abstivo na aprobación da modificación do PXOM que limitaba a proliferación de vivendas de uso turística, asegurando que “aí si que a señora Sanmartín entendeu a vivenda como un ben de mercado”.

“Desde a vosa ambigüidade é moi sinxelo dar leccións aos demais” censurou Rosón amosando as súas dúbidas pola tramitación da ordenanza de usos preexistentes “pola que seguimos agardando”.

Respaldo á manifestación de SOS Sanidade Pública

O Grupo Socialista sacou adiante unha moción conxunta con BNG e CA para apoiar a mobilización convocada por SOS Sanidade Pública en defensa de medidas urxentes para salvar a sanidade prevista para o domingo 4 de febreiro. A edil socialista, Marta Álvarez, denunciou a situación actual pola que pasa o que defende, é un piar fundamental do noso estado de benestar”: “hai falta de recursos, precariedade laboral e unha presión asistencial que non deixa de medrar”.

Uns problemas que, explica Álvarez, “ameazan con debilitar o noso sistema sanitario”. Así, apoian as 13 medidas urxentes de SOS Sanidade que pasan, fundamentalmente por unha distribución equitativa dos recursos, a defensa dos dereitos dos traballadores e a dotación dunha financiación adecuada para o sistema sanitario.

“Apoiamos a manifestación convocada coa convicción de que a unidade de toda a sociedade civil resulta fundamental para preservar e manter dereitos fundamentais como é a sanidade e a educación” afirmou Álvarez que chama á mobilización para revivir “a marea branca que xa vimos na comunidade de Madrid”.

“Na xestión da crise dos pellets só escoitamos do PP escusas e botarlle a culpa aos demais”

O pleno aprobou, co voto en contra do Partido Popular, a moción coa que os socialistas buscaban censurar a actuación da Xunta de Galicia na xestión da crise da marea plástica. Segundo o concelleiro Sindo Guinarte, a administración autonómica “non exerceu en tempo e forma as súas competencias, senón a remolque doutras comunidades autónomas”.

Guinarte lamentou a falta de transparencia e de información por parte da Xunta que “sabía do vertido a 20 de decembro e non actuou ata o 10 de xaneiro”. Acusa ademais ao Partido Popular de non asumir responsabilidades e culpar aos demais nunha “sucesión de escusas inconsistentes”.

A proposta que levaron a pleno os socialistas ademais de censurar a xestión da Xunta propón medidas para atallar posibles eventualidades futuras como a creación dun comité de crise no que participen, ademais das autoridades autonómicas e o goberno central, a FEGAMP e todos os alcaldes e alcaldesas dos municipios afectados, desde o principio e con independencia do nivel que sexa preciso activar.